Sunday 05 de May de 2024

A XII Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal terá lugar no 29 de agosto


Unha nova cita deportiva chega nesta fin de semana ao municipio. Así, no 29 de agosto terá lugar a décimo segunda edición da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal, a cal organiza a Administración local, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ana Romero, e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

As probas poderán disputalas tanto atletas federados/as en atletismo coma non federados/as e estarán baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Este evento deportivo dará comezo ás 10.45 horas e as categorías de competición irán dende a sub-8 ata a máster. As saídas efectuaranse dende a contorna da Casa Mariñeira, no lado de beiramar, de dez en dez atletas en intervalos de 20 segundos, e a meta situarase no interior da praza Alcalde Segundo Durán, lugar onde se procederá coa entrega de premios a partir das 13.30 horas. Outorgaranse trofeos ós/ás tres primeiros/as clasificados/as por categoría, premios en metálico e agasallos ós/ás cinco primeiros/as clasificados/as da xeral, e camiseta técnica para os/as participantes na proba absoluta.

As inscricións realizaranse a través da páxina web www.emesports.es. O prazo permanecerá aberto ata as 14.00 horas deste 26 de agosto e estímase unha participación de arredor de 600 persoas.

Esta carreira pertence ao Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo. Contarase coa colaboración da Protección Civil e será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO.